Sunday 28 de April de 2024

Vimianzo executará obras de mellora de servizos e da seguridade viaria por valor de 157.000 euros


Corresponden á instalación dunha caseta e dun decantador para trasladar as actuais instalacións de tratamento de auga e á mellora de camiños nas parroquias de Cereixo e Baíñas

O Concello de Vimianzo executará proximamente obras de mellora do servizo de tratamento de auga e de seguridade viaria. Os traballos, que contan coa financiación do Plan Único da Deputación da Coruña, están valorados en total en 157.404, 22 euros.
O primeiro proxecto corresponde á instalación dunha caseta e dun decantador para poder trasladar as actuais instalacións de tratamento de auga para o abastecemento de auga potable á poboación. Esta actuación, valorada en 126.546,10 euros, permitirá mellorar o sistema de tratamento que actualmente se
leva a cabo nunha parcela máis baixa e son precisas dúas bombas para levar a auga cara a parcela onde está o depósito, que é onde se pretende ubicar agora a estación. Proxéctase polo tanto unha caseta que almacena a instalación de subministro de auga e tamén un decantador (52,50 m2) para o tratamento antes de auga antes da súa entrada na caseta.
Por outro lado, tamén se levará a cabo a mellora de dous camiños no rural cun orzamento de 30.858,12 euros. O de Tufións, na parroquia de Cereixo, e o de Santa Comba de Baíñas, na parroquia de Baíñas. Ambas vías atópanse actualmente en mal estado polo continuo paso dos vehículos agrícolas e polo
efecto das inclemencias meteorolóxicas polo que se plantexa a reparación do firme así como a limpeza das cunetas e a instalación de canalizacións soterradas para mellorar as condicións de drenaxe da auga.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, explicou que estas “son dúas obras moi necesarias. Por un lado o traslado do sistema de tratamento de auga permitirá obter un aforro importante debido a que non temos que ter funcionando un mecanismo de bombeo e, polo outro, dentro do plan de mellora de vías por todo o municipio que acomete o goberno local continuamente, os de Tufións e Santa Comba de Baíñas requirían unha actuación inmediata.